O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o Deputado de Xuventude, Jorge Cubela, visitaron este luns (24 de xuño) o Centro de Vacacións da Lanzada onde se están celebrando os campamentos infantís de verán que organiza cada ano o organismo provincial e que desenvolve a nosa empresa, Golfiño Xestión de Ocio. Os dirixentes saudaron aos 140 nenas e nenos que abriron este domingo uns campamentos que, en quendas dunha semana de duración, se prolongarán ata o 7 de setembro e nos que participarán un total de 1.540 menores de 7 a 13 anos de idade. “Foi un curso moi duro, traballastes moito e agora merecedes desfrutar dunhas vacacións merecidas. Vai ser unha semana inesquecible”, díxolle o presidente aos participantes.
Despois de percorrer as instalacións deste centro que xestiona a Deputación e coñecer aos monitores e participantes, Luis López conversou coa cativada, interesouse polas actividades previstas para toda a semana e ata puido compartir con eles algunha actividade de ocio.
Nesta primeira quenda, son 140 as nenas e nenos que participan. Chegaron ao campamento este domingo e ao longo da semana desfrutarán de “experiencias 100 % Rías Baixas” como unha excursión en barco á illa de Ons, saídas polo espazo natural da contorna deste centro ubicado en San Vicente, así como de actividades musicais, deportivas ou teatrais ademais de infinidade de xogos co obxectivo de gozar do verán ao tempo que fomentan valores como o respecto, a igualdade, a tolerancia ou o coidado do medio ambiente.
Ata o 7 de setembro serán un total de 1.540 nenas e nenos os que pasen por este Centro de Vacacións. Unha cifra que demostra a aceptación e o interese que espertan estes campamentos entre as familias da provincia.