Nace a primeira base de datos en liña sobre o patrimonio lúdico
200 RECURSOS SOBRE OS XOGOS TRADICIONAIS GALEGOS
A páxina inclúe empresas, asociacións, clubs, centros educativos, fabricantes de xoguetes… ata un total de dous centenares de recursos de toda índole
– A primeira base de datos en liña sobre o xogo tradicional de Galicia foi presentada co patrocinio do Consello da Cultura Galega.
– Trátase dunha fonte de recursos á que calquera persoa interesada pode acudir na busca dunha información, dunha investigación existente, dunha empresa á que contratar, dun fabricante de xoguetes tradicionais, dunha experiencia…
– A páxina pretende dar resposta a unha necesidade cada vez máis evidente de información sobre o patrimonio lúdico galego.
– A iniciativa é froito da colaboración de diferentes entidades galegas que participan en proxectos comúns de investigación e divulgación do xogo tradicional.
– Paralelamente, estas entidades crearon a marca “Patrimonio lúdico galego” para dotar de forma as actividades sobre o xogo tradicional galego que proliferan por toda Galicia.
– O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos, en cantidade e calidade dos xogos, de toda a Península Ibérica.
– Galicia está representada, desde os albores do século XXI, por tres entidades na Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais.
– A páxina pode localizarse en www.xogostradicionais.gal e www.xogospopulares.gal